O Carballiño acollerá o primeiro Campus Experience da Fundación Real Madrid en Galicia grazas á colaboración entre a Deputación e a entidade madridista

Luis Menor destaca o deporte como “ferramenta educativa e de transmisión de valores” durante a presentación desta iniciativa pioneira que se desenvolverá do 22 ao 26 de xuño.

O director de Relacións Institucionais do Real Madrid, Emilio Butragueño, mostrou o seu convencemento de que esta primeira edición “será un éxito”, así como “una experiencia que dejará huella entre quienes participen”.

A provincia de Ourense acollerá por primeira vez o Campus Experience da Fundación Real Madrid, unha iniciativa educativa e deportiva dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que se celebrará do 22 ao 26 de xuño no Carballiño.

A presentación oficial do campus tivo lugar esta mañá no campo de fútbol da Uceira, nun acto no que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director de Relacións Institucionais do Real Madrid, Emilio Butragueño; o responsable de Relacións Institucionais da Fundación Real Madrid, Félix González; a responsable da área de Campus e Clínics da Fundación Real Madrid, Pablo Gómez, e o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro Gil.

Durante a súa intervención, Luis Menor destacou a importancia dunha iniciativa que converte a Ourense na primeira provincia galega en albergar un Campus Experience da Fundación Real Madrid, subliñando que se trata de “moito máis que unha actividade deportiva de verán”.

“O deporte ten a capacidade de ensinar moito máis que unha técnica ou unha táctica. Ensina esforzo, compañeirismo, respecto, disciplina, capacidade de superación e traballo en equipo. Valores que serven para marcar goles, pero, sobre todo, para afrontar a vida”, sinalou o presidente provincial.

Menor incidiu ademais en que o principal obxectivo do campus non é a detección de talento deportivo, senón a formación integral dos participantes a través dos valores asociados ao deporte. “O obxectivo deste campus non é descubrir ao próximo xogador do Real Madrid; o obxectivo é axudar a formar mellores persoas a través dos valores do deporte”, afirmou.

O presidente da Deputación puxo en valor a elección do Carballiño como sede desta primeira edición, destacando a tradición deportiva do municipio, a súa aposta polo deporte base e a súa localización estratéxica dentro da provincia, que facilitará a participación de nenos e nenas procedentes de numerosos concellos.

Pola súa banda, Emilio Butragueño mostrou a súa satisfacción pola chegada do proxecto a Ourense e expresou a súa confianza no éxito desta primeira experiencia en Galicia.

“Estoy convencido de que esta primera edición en O Carballiño será un éxito. Pero, sobre todo, estoy convencido de que será una experiencia que dejará huella entre quienes participen”, sinalou o director de Relacións Institucionais do Real Madrid.

Formación en valores

O Campus Experience é un programa impulsado pola Fundación Real Madrid que se desenvolve desde fai máis dunha década e que combina o ensino dos fundamentos técnicos e tácticos do fútbol coa formación en valores como o respecto, o esforzo, a iniciativa, a autodisciplina e o traballo en equipo.

Alén da actividade deportiva, o campus incorpora contidos relacionados co desenvolvemento de habilidades sociais, a convivencia, os hábitos saudables e a educación nutricional, ofrecendo unha experiencia formativa integral para os participantes.

A iniciativa permitirá que un centenar de nenos e nenas poidan desfrutar no Carballiño dunha metodoloxía educativa recoñecida internacionalmente, reforzando ao mesmo tempo a promoción do deporte base e a dinamización social e económica do territorio.

A inscrición realízase a través da páxina web Campus Experience Fundación Real Madrid, apartado “Campus institucionales”, O Carballiño , onde aparece toda a información. Hai 100 prazas dispoñibles e grazas á achega da Deputación de Ourense a inscrición ten un prezo de 160 euros.